Friday 10 de May de 2024

A Xunta adxudica a redacción dos proxectos e dirección de obra para a rehabilitación de dous edificios no casco vello de Betanzos


O pasado 9 de marzo xa se adxudicou outro contrato de redacción de proxecto e dirección de obra

A Xunta de Galicia adxudicou a redacción dos proxectos e dirección de obra para a rehabilitación dos edificios da rúa Cerca 9 e 13 emprazados no casco vello de Betanzos. Así mesmo, o pasado día 9 de marzo xa se adxudicou outro contrato de redacción de proxecto e dirección de obra.

As obras de rehabilitación dos tres edificios licitaranse ao longo do ano 2016 e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda investirá en total arredor de un millón de euros, o que supón un orzamento total para os tres edificios de 1,2 millóns de euros, sumando o custe de adquisición e traballos técnicos ao importe das obras a realizar.

O contrato para a redacción do proxecto e dirección de obra do edificio da rúa Cerca 9 adxudicouse ao arquitecto Francisco Javier Corredoira Isasi, por un importe de 20.182 euros, mentres que o correspondente á rúa da Cerca 13, adxudicouse ao arquitecto José Luís Martínez Raído, con un investimento de case 23.000 euros.

Os adxudicatarios redactarán os proxectos de rehabilitación dos edificios e, posteriormente, encargáranse da dirección das obras de rehabilitación, que se licitarán ao longo deste mesmo ano.

No caso do inmoble da rúa da Cerca 9, prevese obter tres vivendas e un local comercial no baixo, cun investimento total previsto na súa rehabilitación que se achega aos 400.000 euros.

Pola parte do edificio, rúa da Cerca 13, acadaranse catro vivendas e un local comercial no baixo. O orzamento previsto achegarase aos 600.000 euros, incluíndo o custe da rehabilitación e o da adquisición.

Por outra parte, o pasado 9 de marzo, adxudicouse a redacción do proxecto e dirección de outra actuación de reforma no edificio da rúa Clérigos 13, emprazado no casco vello de Betanzos. Este contrato foi adxudicado ao arquitecto Gonzalo Miguel Alberto de Pedro Quijano, por un importe de 7.253,95 euros.

Coa rehabilitación deste último inmoble, obterase unha vivenda e un local comercial no baixo. En total, prevese que o departamento que dirixe Ethel Vázquez, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) invista preto de 200.000 euros, entre a rehabilitación e o custe de adquisición da propiedade.

Axudas para rehabilitación
Recordar que están abertos os prazos de solicitude de axudas de dous programas de rehabilitación: o de Rehabilitación Edificatoria e o de Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago

As axudas do Programa de Rehabilitación Edificatoria destínanse a cubrir parte dos gastos da realización de actuacións de rehabilitación, consistentes na execución de obras e traballos de mantemento e intervención nas instalacións fixas e equipamento propio, nos elementos e espazos comúns, en edificios de tipoloxía residencial colectiva que cumpran os requisitos establecidos no plan de alugueiro e rehabilitación como estar finalizados antes de 1981; que polo lo menos o 70% da súa superficie construída sobre rasante teña uso residencial e que polo menos o 70% das vivendas constitúan o domicilio habitual das persoas propietarias ou arrendatarias.

Poderán beneficiarse destas axudas as comunidades de propietarios e as agrupacións de comunidades de propietarios, así como as persoas físicas que sexan propietarias únicas dun edificio de carácter predominantemente residencial. A contía das mesmas será de ata 11.000 euros por cada vivenda e a mesma contía por cada 100 metros cadrados de superficie útil de local.

Esta cantidade será de 12.100 euros cando se trate de edificios declarados bens de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente. Ao mesmo tempo, a axuda máxima non poderá ser superior ao 35 por cento do importe total da actuación, excepto no caso de actuacións de mellora da accesibilidade, no que poderá chegar ao 50 %.

No que respecta ás axudas da Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago, son aplicables á totalidade das vivendas emprazadas nas parroquias rurais polas que transcorren as sete rutas do Camiño de Santiago (Camiño Inglés no caso de Betanzos e concellos limítrofes). Nas zonas de carácter urbano, estas axudas destínanse ás vivendas emprazadas na traza do Camiño. No caso de que a vivenda estea incluída nunha área de rehabilitación como a do casco vello de Betanzos, as axudas da ARI do Camiño aplicaranse as subvencións as da ARI de carácter local.

O importe das axudas da Ari dos Camiños de Santiago será do 35 % do custe subvencionable da actuación reflectido na cualificación definitiva e cun importe máximo de 11.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación. O Goberno galego destinará en 2016 3,2 millóns de euros ás axudas desta ARI.

Ambos programas de rehabilitación están incluídos no Plan rehaVIta, plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellor acceso á vivenda 201-2020.